Que é

Barracaula

No outono de 2019 a AC Morreu o Demo botou a andar unha nova iniciativa para recuperar e transmitir a memoria do títere tradicional galego.O proxecto Da barraca á aula comezou a súa actividade coa colaboración do CPI Virxe da Saleta, no concello de Cea e mais cos centros educativos do Concello de Teo: CEIP A Igrexa-Calo, o CEIP da Ramallosa, o CEIP Os Tilos, o Ies de Cacheiras e mais o CRA municipal.

Nos últimos anos a escola está a amosar unha importancia fundamental á hora de actuar como transmisora de tradicións e memorias colectivas. A escolarización a idades cada vez máis temperás, parella á desaparición de xeitos tradicionais de socialización e de transmisión converten as aulas nun espazo fundamental para transmitir costumes, valores e memorias que a miúdo transcenden con moito o ámbito puramente académico. En Galicia, esta situación déixase ver de xeito espectacular á hora de manter e recuperar determinadas tradicións como a do magosto, do Entroid ou dos maios, que se manteñen en moitas cidades grazas ao traballo imprescindible do profesorado e do alumnado de diferentes graos. Do mesmo xeito, tradicións recuperadas nos últimos anos como foron o Samaín ou o personaxe do Apalpador non terían conseguido arraigo social de non se de novo pola súa presenza como actividade nas aulas desde as idades máis temperás.

Obxectivos

Conscientes desta situación e plenamente convencidos da necesidade de contar cos centros de ensino regrado para garantir a perpetuación e a renovación do títere popular, na Asociación Morreu o Demo pretendemos, co proxecto facilitar a integración deste mundo nas aulas. Entre os principais obxectivos da iniciativa están:

  • Fornecer a sociedade galega con ferramentas para socializar a transmisión e revitalización do patrimonio inmaterial dos títeres de cachaporra.
  • Fomentar xeitos alternativos, artesáns, grupais e cooperativos de ocio.
  • Achegar un xeito sinxelo de se introducir no mundo escénico.
  • Popularizar os títeres como xeito de entretemento en contornos locais e familiares.
  • Favorecer o interese pola arte dos títeres.
  • Divulgar e contextualizar as pezas que conformaban o espectáculo de Barriga Verde.
  • Estimular a aprendizaxe e a aplicación de nocións básicas da manipulación dos títeres de luva.
  • Estimular a creatividade como capacidade única e  personalísima.
  • Coñecer e valorar o contorno social e cultural, así como as posibilidades de acción e defensa deste, con especial atención á singularidade de Barriga Verde e dos títeres e das festas tradicionais. 
  • Contribuír ao coñecemento e á utilización de xeito apropiado da lingua galega e a desenvolver hábitos de lectura.
  • Fomentar as actitudes positivas e a interiorización dalgúns elementos significativos propios da tradición e da cultura galega: música, costumes, festas populares, etc.
  • Espertar o gusto polos espectáculos de títeres, buscando a súa  progresiva integración como unha opción habitual no tempo de lecer.
  • Integrar os títeres como ferramenta pedagóxica nos diferentes niveis do ensino

Formación

A iniciativa está a desenvolver un completo programa de formación para profesorado con videofórums, palestras, achegas de bibliografía sobre o tema ao tempo que aborda mediante diferentes obradoiros a construción e manexo de títeres ou o labor de escrita dramática adaptado a diferentes niveis. Ademais, os centros participantes recibirán a exposición Onde foi Barriga Verde? acompañada da súa correspondente guía didáctica, e contan coa colaboración da asociación para desenvolver outras actividades no marco do programa como poden ser propostas de recuperación de memoria sobre o títere tradicional, asistencia a funcións de títeres, montaxes de obras ou mesmo, como xa fixo o alumnado do Cole de Cea, unha excursión ao Festival Titiriberia que organizamos no Concello de Teo, e que serviu para pór en contacto a parte do alumnado e do profesorado que fai parte do proxecto.

A iniciativa está a se desenvolver mercé ás subvencións para actividades culturais que convoca a Deputación da Coruña e mais ás axudas para a acción e a promoción cultural do Ministerio de Cultura. Polo momento estamos moi ilusaionados coa recepción que está a ter Da barraca á aula entre alumnado e profesorado, cunha importante implicación e unha aceptación abrumadora.

O futuro

A intención da AC Morreu o Demo e ampliar en vindeiros anos este programa a novos centros, a incorporar as propostas do alumnado e profesorado que está a participar do mesmo. A medio prazo, agardamos promover o desenvolvemento de obras de títeres escolares que se poidan amosar ao público en diferentes foros, coa posibilidade de crear un certame no que se encontren todas as creacións deste tipo desenvolvidas no país. Tamén está no noso maxín publicar unidades didácticas específicas sobre o mundo dos títeres para facilitar a integración deste patrimonio inmaterial nas aulas, entre moitas outras iniciativas.

Galería de resultados dos obradoiros de creación e manipulación de títeres

Os centros que estean interesados en participar da futura ampliación do programa, poden comunicarse con nós en info@barrigaverde.eu