Abr
22
2026

Xornada: Onde foi Barriga Verde? no Teatro das Cortes este 25 de abril

Aí vén Barriga Verde! O espectáculo que percorreu o noso país ao longo de boa parte do século XX e quedou na memoria de xeracións de galegas e galegos chega ao Teatro das Cortes. Unha programación especial convida a se achegar a este legado da nosa escena e compartirmos memoria sobre os monicreques e as festas tradicionais.

Exposición:

Na xornada, unha exposición permitirá coñecer polo miúdo o traballo da familia Silvent, parte dela con raíces na Mariña, que levou o personaxe máis coñecido do títere galego por toda Galicia. Os números que desenvolvían na súa barraca, os trucos do seu oficio ou a historia dos seus percorridos por canta feira e festa había atópanse nesta proposta.

Obradoiro:
Ademais, un encontro-obradoiro facilitará ás persoas participantes coñecer de primeira man os bonecos que hoxe encarnan este espectáculo e compartir as súas memorias sobre aquelas funcións e outros entretementos e sucesos das feiras tradicionais. Quen non lembra ir comer o pulpo, as barquiñas, os fotógrafos de a minuto ou a sorte do paxariño? quen non foi ás tómbolas e ao pimpampum? Convidamos a todas a persoas a se achegar, compartir e coñecer a historia de como se divertía no seu tempo a xente, que non todo era traballar!! As persoas participantes poderán facer e levar para a súa casa unha sinxela marioneta coa que rememorar as andanzas. Tamén con motivo do aniversario do 25 de abril faremos especial mención á forma que adopta este tipo de espectáculo en Portugal, o Teatro de D. Roberto ou os robertos.

Este obradoiro ten unha duración de 90 minuntos e poden participar nel ata 20 persoas preferiblemente da terceira idade.

Representación:

E, por suposto, a xornada non podía rematar sen contar cunha función do espectáculo de Barriga Verde. A compañia Viravolta títeres presenta a versión que realizou das funcións orixinais da familia Silvent, sen que falte ningún dos números clásicos. A tourada, o demo, a morte, o xuíz ou a Garda Civil atópanse sobre o escenario dispostos a facer rir ás crianzas que os descobren e ás persoas maiores que os lembran.

Con posterioridade, os membros da compañía compartirán co público como abordaron a recreación dunha obra da que apenas quedaban pegadas e as pecualiaridade da tradición galega de títeres

Programa

17:30 Obradoiro de titeres para adultos e terceira idade 

19:00 Visita guiada á exposición A arte dos Silvent

20:00 Representacion de Barriga Verde de Viravolta Títeres

21:00 Sketch da Brigada Teatral das Cortes sobre o 25 abril

Todas as actividades serán de balde. Para se inscribir no obradoiro cómpre se apuntar en  voltaedalle@gmail.com

Barriga Verde
O teatro popular de títeres estivo presente en feiras, festas e prazas das vilas e cidades ata ben entrado o século XX, e constitúe unha forma de entretemento, educación e comunicación das comunidades antes da irrupción dos medios de comunicación de masas e das transformacións que experimentou a sociedade galega nas últimas décadas. Esta expresión cultural permanece aínda na memoria colectiva das xeracións nacidas antes de 1950, pero corre o risco de perderse. Forma parte dunha rica e antiga tradición europea.

A principios do século XX xunto con José Silvent chega a Galicia un novo personaxe: Barriga Verde, que incorpora as características esenciais da tradición europea de títeres de cachaporra. A súa popularidade en Galicia é enorme entre 1920 e 1960, cando percorre gran parte das feiras e vilas coa súa barraca. Os seus irmáns Santiago e Julia tamén incorporaban a Barriga Verde nos seus espectáculos, e entre os tres non quedaba feira ou festa en Galicia que non acollese unha representación do famoso monicreque. As feiras de San Froilán de Lugo, a San Lucas de Mondoñedo, a Ascensión en Santiago, a Pascua de Padrón, a de Francos en Teo ou a de Santa Mínia en Brión eran paradas obrigadas da barraca dos Silvent, e nesas vilas ou nparroquias, alén doutras moitas, a chegada dos titiriteiros era moi agardada. En 1964, cando José Silvent se retira, o espectáculo esmorece. O teatro de títeres de luva abandona as feiras e pasa a ser considerado un entretemento infantil no que debe primar o compoñente didáctico. Os títeres de feira ían dirixidos a públicos de todas as idades e a súa funcionalidade era máis ben catártica. Non encaixan coas tendencias que impoñen os novos tempos. E é así como Barriga Verde camiña lentamente cara o esquecemento.



A Asociación Morreu o Demo
A Asociación Cultural Morreu o Demo para a Recuperación do Títere Tradicional Galego constituíuse a finais de 2012 co propósito de recuperar e dar a coñecer este patrimonio cultural, que, ao igual que outras expresións da cultura popular, ficaba no esquecemento. A Asociación, integrada por persoas do mundo das artes escénicas, da comunicación ou da antropoloxía, marcouse desde o seu nacemento un triplo obxectivo: investigar para afondar na recuperación do patrimonio dos títeres tradicionais en Galiza, divulgar este legado en todos os ámbitos da sociedade e reactivar o personaxe de Barriga Verde entre as novas xeracións, manténdoo no imaxinario colectivo da sociedade.


O traballo da asociación valeulle ser recoñecida en 2024 por UNIMA Internacional (Unión Internacional de Marionetistas, organismo consultivo da UNESCO) cun dos 37 Certificados de Recoñecemento pola Conservación do Patrimonio Titiriteiro que outorgou en todo o mundo. Morreu o Demo é así a única entidade galega con este recoñecemento, que só conta con 6 representantes a nivel estatal.

O Teatro das Cortes

O teatro das cortes é un espazo cultural situado na aldea de Cabanas (Concello do Vicedo).
Xestionado pola Asociación Cultural Volta e Dálle, colle o seu nome do feito de ocupar o espazo unha corte de vacas ata os anos 80. Desde 2022, o local acolle unha programación cultural nesta aldea. Aínda que centrada no teatro, a actividade do Teatro da Cortes acolle tamén cinema, música, conferencias, recitais, obradoiros ou actividades ao aire libre. Consolidado como espazo cultural do rural da Mariña, os seus programas chegan a un número crecente de espectadores que chegan da propia comarca e doutras próximas como Ortegal ou a Terra Cha.

Nestes catro anos de funcionamento xa pasaron polo espazo compañías como Chévere, Talía, Os Monicreques de Kukas, Andaravía teatro ou Ollomao, profesionais da narración oral como Paula Carballeira ou Quico Cadaval, entre outros, e propostas musicais como A Quenlla, Barahunda, Catro nun zoco, Xosé Constenla,  Ugía Pedreira ou Ericas e Peluxias.