Programa financiado co apoio do Programa Territorio Cultura CT404F 2025 da Axencia Galega das Industrias Culturais


Da Barraca á Aula. A memoria das festas.
Barriga Verde foi o títere máis popular da Galicia, que percorreu da man da familia Silvent feiras e festas de todo o país entre os anos 10 e os anos 60. Esta mos- tra única de expresión teatral en galego quedou na memoria de varias xeracións con expresións como “Morreu o Demo, acabouse a peseta”. Ademais, supón a nosa forma autóctona dunha antiga tradición de títeres que se estende por toda Europa con personaxes como Guignol, Punch ou Pulcinella.
Máis información: https://barrigaverde.eu/cms/faq/quen-era-barriga-verde/
A AC Morreu o Demo naceu en 2013 para recuperar a memoria deste personaxe e dos titiriteiros populares galegos, a incluír formas previas dos títeres como os bululús. Ademais, reivindica a vixencia de Barriga Verde e do títere de cachaporra para a actualidade e pretende popularizar de novo o personaxe adaptándoo as inquedanzas da sociedade. Así mesmo reivindica a importancia das festas e das feiras na sociedade tradicional e fai por recuperar a súa memoria e reivindicar o carácter cultural destes espazos. O seu traballo foi recoñecido en 2025 por UNIMA Internacional, entidade asociada á UNESCO, cun dos 37 recoñecementos ao labor a prol da recuperación do patrimonio titiriteiro que outorgou en todo o mundo, e que representantes da AC recolleron o pasado mes de maio en Corea.
(https://barrigaverde.eu/cms/a-unima-reconece-o-traballo-polo-patrimonio-da-asociacion-morreu-o-demo/)
O programa Da Barraca á Aula comezou a funcionar en 2019 coa intención de achegar este patrimonio inmaterial aos centros de ensino do país. Desde entón, co apoio da Deputación da Coruña e das Axudas para Acción e a Promoción Cultural do Ministerio de Cultura, a iniciativa desenvolveu obradoiros en centros de ensino de Teo, Cea, Xunqueira de Ambía, Vilasantar, Valdoviño, Ferrol, Rianxo, Mesía, Pontevedra, Santaigo, A Coruña, Caban de Bergantiños, Forcarrei, Carral, Salceda de Caselas ou Chantada, ademais de actividades con grupos de persoas con diversidade funcional da Asociación Aspamite de Teo, da Aula Ocupacional de Rianxo e da Asociación Ámbar de Ribeira. Tamén se colaborou neste programa con asociacións como a AC Alexandre Bóveda da Coruña, a Gentalha do Pichel de Santiago ou a Asociación Volta e Dalle do Vicedo.
Web da iniciativa https://barracaula.gal/
Máis información sobre o programa https://barrigaverde.eu/cms/?s=da+barraca+%C3%A1+aula
En total foron máis de 170 obradoiros de formación sobre títeres tradicionais nestas localidades, ademais de actividades como videofórums, montaxe e guiado de exposicións didácticas, encontros de formación do profesorado e outras iniciativas de carácter educativo. Entre estas destaca a gravación de 13 vídeos didácticos sobre a creación e manexo de títeres ou a creación de escenografías. Estas propostas chegaron de xeito directo a máis de 16.000 persoas, na súa inmensa maioría alumnado de centros escolares de ensino infantil, primario e secundario.
Un enfoque rural
Nesta nova xeira, e co apoio da Xunta, o programa quere desenvolver unha nova proposta específica para concellos rurais. Ademais, pretende ampliar o alcance do mesmo alén do ámbito da educación máis formal. Co nome Da Barraca á Aula. A memoria das festas preséntase esta proposta de actividades que pretenden transcender o espazo do ensino e chegar ao público xeral.
O interese xeral do programa Da Barraca á Aula por procurar formas de cultura de proximidade e vencelladas ao patrimonio local fai que o ámbito rural, tanto polas súas infraestruturas como pola súas dinámicas sociais e culturais sexan particularmente axeitadas ás propostas desta iniciativa. De maneira particular, o interese do proxecto pola recuperación da memoria sobre festas e feiras tradicionais atopa no ámbito non urbano o seu espazo óptimo de desenvolvemento, a favorecer o diálogo interxeracional e pór en valor as lembranzas das persoas de máis idade.
A dinamización cultural para o público xeral, o traballo con centros de ensino e mais o desenvolvemento de actividades culturais nos centros da terceira idade e con persoas con discapacidade teñen o potencial de achegar un programa completo que cobre todo tipo de públicos con propostas que se complementan entre si. Ademais, o apoio nas redes e no audiovisual facilitan a divulgación destes contidos alén dos limites do local.
A proposta desenvolve a súa actividade en tres eixes
1- A formación: Capacitación teórica e práctica sobre o manexo e dramaturxia de títeres tradicionais en centros de ensino e entre persoas con discapacidade.
2- A recuperación da memoria: Colleita de testemuños sobre festas e feiras tradicionais de persoas maiores e usuarias de centros de día e residencias da terceira idade.
3- Divulgación entre público xeral da figura de Barriga Verde, os títeres tradicionais e do propio programa ante o público xeral.
1. A formación
Nos últimos anos a escola está a amosar unha importancia fundamental á hora de actuar como transmisora de tradicións e memorias colectivas. A desaparición de formas de vida comunitarias converten as aulas nun espazo fundamental para transmitir os costumes, valores e memorias dunha cultura. En Galicia, esta situación déixase ver de maneira espectacular á hora de manter e recuperar tradicións coma o magosto, o Entroido ou os Maios, que se manteñen en moitos lugares grazas ao traballo de profesorado e alumnado de diferentes graos. Conscientes desta situación e plenamente convencidos da necesidade de contar cos centros de ensino regrado para garantir a perpetuación e a renovación do títere popular, na Asociación Morreu o Demo pretendemos, co proxecto Da Barraca á Aula facilitar a integración deste mundo nestes espazos.
Ademais, e a partir da experiencia previa da asociación, o programa prevé obradoiros específicos para centros de atención a persoas con diversidade funcional. Os títeres amosan un grande potencial no traballo con estes colectivos, facilitando tanto a creatividade plástica e artística como traballos de psicomotricidade ou expresión oral. Estas propostas vencéllanse ademais de cara ao patrimonio inmaterial máis próximo (festas populares, feiras, toponimia), contribuíndo ao coñecemento do contorno das persoas participantes e facéndoas partícipes da transmisión deste patrimon
2. A recuperación da memoria
Como parte imprescindible nesta transmisión, consideramos fundamental valorizar o coñecemento das persoas maiores sobre este patrimonio inmaterial. Neste sentido, o programa desenvolve traballos de recuperación de memoria que contribúen á súa continuidade, serven como exemplo para vindeiras iniciativas e incrementen o coñecemento colectivo sobre festas, feiras e títeres populares. A falta de rexistros audiovisuais e textuais dos espectáculos orixinais da familia Silvent e doutros números e prácticas habituais en feiras e festas outórganlle unha especial importancia aos testemuños orais daquelas persoas que os viron e que coñeceron os seus responsables. De cara a facilitar esta recollida, e a aproveitar o potencial da lembranzas de infancia e mocidade como estimulación cognitiva para as persoas de idade, desenvolveranse obradoiros de memoria, nunha liña que a Asociación xa abordou de xeito piloto en centros de terceira idade. Exemplos de testemuños recollidos pola AC Morreu o Demo:
A combinar os puntos 1 e 2 desenvolverase a capacitación do alumnado de centros de ensino en técnicas etnográficas e audiovisuais para o rexistro e recuperación de memoria, o que facilitará o desenvolvemento de iniciativas independentes neste sentido. Ademais, a divulgación das gravacións que se realizará ao abeiro deste apartado contribúe á valoración deste coñecemento. Ao noso ver, o traballo con memorias vencelladas de xeito específico con festas e feiras facilita en grande medida o encontro interxeracional, ao evocar momentos festivos e polo xeral alegres que poden atopar eco entre a mocidade e xeran unha especial empatía. Estas temáticas preséntanse ademais como un punto de entrada ideal para espertar o interese pola recuperación da memoria e afondar posteriormente noutras temáticas.
3. Divulgación entre público xeral
Coa intención de visibilizar estas iniciativas alén dos ámbitos específicos sinalados e de dar a coñecer o patrimonio do títere tradicional entre o público xeral, a proposta complétase con contidos abertos nos centros socioculturais de diferentes concellos. Deste xeito, exposicións didácticas, obradoiros abertos, videofórums e representacións das novas versións de Barriga Verde e doutras obras de títeres de cachaporra darán a coñecer os contidos do proxecto nas diferentes localidades propostas, a complementar as iniciativas presentes en centros de ensino, da terceira idade e de atención á diversidade.
Obxectivos Xerais:
Dinamizar a actividade cultural de concellos rurais.
- Desenvolver actividades abertas á cidadanía xeral arredor do títere galego e do mundo das feiras e das festas: Exposicións, funcións abertas, proxeccións e obradoiros.
Fornecer a sociedade galega con ferramentas para socializar a transmisión e revitalización do patrimonio inmaterial dos títeres de cachaporra.
a) No marco educativo:
- Capacitar profesorado para coñecer e transmitir este patrimonio cultural.
- Capacitar o alumnado participante na construción e manexo de títeres.
- Contribuír ao coñecemento e á apropiada utilización da lingua galega como xeito de expresión oral e escrita.
- Fomentar o interese e a interiorización dalgúns elementos significativos da tradición e da cultura galega: música, costumes, festas populares, etc.
- Favorecer o contacto e o recoñecemento do saber das xeracións máis vellas.
- Estimular a aprendizaxe e a aplicación de nocións básicas da manipulación dos títeres de luva.
- Facilitar a formación na linguaxe e técnicas audiovisuais.
- Fomentar a comunicación interxeracional.
- Incorporar os títeres ás actividades escolares e como xeito de ocio.
- Formar público con coñecemento do teatro de títeres.
b) Entre a terceira idade
- Pór en valor o coñecemento das persoas maiores como portadoras das memorias comúns no conxunto da sociedade
- Facilitar opcións de ocio activo e favorecer o desenvolvemento de iniciativas colectivas por parte das persoas usuarias dos centros da terceira idade.
- Traballar a memoria e a psicomotricidade das persoas usuarias.
- Recuperar coñecementos específicos sobres festas, feiras e títeres tradicionais.
c) En todos os colectivos implicados
- Favorecer a comunicación interxeracional.
- Espertar interese polos espectáculos de títeres, buscando a súa progresiva integración como unha opción normalizada no tempo de lecer.
- Divulgar e contextualizar as pezas que conformaban o espectáculo de Barriga Verde.
- Divulgar o patrimonio inmaterial que supón o títere tradicional galego.
- Visibilizar a arte dos títeres entre a sociedade, o seu potencial en ámbitos educativos e o seu valor como patrimonio cultural.