Programa financiado co apoio do Programa Territorio Cultura CT404F 2025 da Axencia Galega das Industrias Culturais


O proxecto aposta por espazos fundamentalmente rurais para desenvolver a súa actividade. En concreto, desenvolverase 91 actividades (de nove formatos diferentes) en 13 concellos das catro provincias, dos cales 8 teñen menos de 5.000 habitantes e só dous (A Estrada e Lalín) superan os 15.000 habitantes.
A selección de espazos nos que se vai desenvolver a actividade responde aos seguintes criterios:
- Lugares onde se mantén viva a memoria do espectáculo clásico de Barriga Verde.
- Concellos rurais que conten con centros de ensino ou da terceira idade.
- Concellos que teñen indicado o seu interese en participar no proxecto.
- Concellos que teñen desenvolvido actividades de xeito previo no marco de anteriores edicións do programa.
- Concellos que teñan amosado o seu interese nos títeres mediante programacións e actividades arredor desta arte.
- Concellos próximos entre si que poidan acoller actividades complementarias e atender unha mesma poboación.
Naqueles concellos que carezan de centros de ensino secundario, distribuirase o paquete de actividades con outros onde si exista este, a procurar no posible que a distribución facilite a complementariedade das actividades entre ambos. Así, por exemplo, un concello con instituto de ensino secundario poderá concentrar actividades escolares e outro veciño ou próximo acoller exposicións e propostas para público xeral e mais actividades para a terceira idade ou colectivos con diversidade funcional. Consideramos que este xeito de distribución dos contidos do programa favorece a conexión entre concellos e o desenvolvemento de redes de colaboración.
No caso de que non fose posible desenvolver o programa nalgún dos concellos programados o mesmo substituiríase por outro de similares características e poboación, a atender aos criterios sinalados con anterioridade e a manter o número de tipo de actividades previstas no conxunto do programa.
As actividades previstas para centros socioculturais poderán repartirse en diferentes locais deste tipo existentes nun mesmo concello. Tamén, de acordo coas persoas responsables de cultura, poderán desenvolverse en espazos exteriores, centros de ensino, bibliotecas ou outras instalacións.
Os contidos das actividades para centros de ensino atenderán os coñecementos previos sobre os temas tratados, as horas dispoñibles e os grupos e materias interesados. Deste xeito, poderán impartirse contidos específicos para educación infantil, primaria ou para secundaria, e os mesmos poderán complementarse con obradoiros abertos diferentes públicos en centros socioculturais ou noutros espazos.
Distribución de actividades prevista
| Concello | Hab. | Densidade | Obradoiro ensino | Obradoiros memoria e audiovisual | Obradoiro público aberto | Actividade 3ª idade | Expo | Proxección | Espectáculo | Actividade diversidade | Curso cabezudo |
| Vilasantar | 1229 | 20,8 | 2 | 1 | |||||||
| Xunqueira de Ambía | 1352 | 22,7 | 2 | 4 | 1 | ||||||
| Pol | 1542 | 12,6 | 3 | 1 | 1 | 1 | 1 | ||||
| O vicedo | 1589 | 21,2 | 1 | 1 | 1 | 1 | |||||
| Meira | 1756 | 37,7 | 2 | 4 | 1 | 1 | 1 | ||||
| San Cristovo de Cea | 1989 | 21,2 | 2 | 4 | 1 | 1 | |||||
| Laxe | 2919 | 80,3 | 3 | 1 | 1 | 5 | |||||
| Valdoviño | 6877 | 77,4 | 3 | 1 | 1 | ||||||
| Silleda (Bandeira) | 8870 | 53,49 | 1 | 1 | 5 | ||||||
| Xinzo de Limia | 9732 | 72,67 | 1 | ||||||||
| A Estrada (Couso) | 20139 | 71,6 | 1 | 1 | 2 | ||||||
| Lalín (Botos) | 20372 | 62,1 | 1 | 1 | 3 | ||||||
| 14 | 12 | 3 | 5 | 9 | 6 | 5 | 1 | 15 |
Alcance
En conxunto, contamos con desenvolver un total de 39 obradoiros de diferentes tipos, o que vai dar unha participación de 975 persoas de xeito directo nestas actividades a estimar unha media de 25 participantes por obradoiro. A estas sumaranse 500 persoas que asistirán aos espectáculos de títeres tradicionais, e unha estimación doutras 3 600 que participarán de proxeccións audiovisuais ou visitas ás exposicións. De xeito indirecto, mediante entrevistas escolares nas familias e contacto co proxecto a través do alumnado, a actividade chegará a unhas 2.300 persoas máis. Estimamos tamén que o número de visionados dos vídeos de obradoiros se verá incrementado en, como mínimo, 250 visionados máis.
Capacidade de transformación
O proxecto posúe unha importante capacidade de transformación dos contextos nos que se desenvolve. Esta pode resumirse nos seguintes puntos:
- Creación de redes de colaboración entre entidades (centros de ensino, centros da terceira idade, concellos) arredor do proxecto.
- Constitución de estruturas que poden continuar a súa actividade alén do desenvolvemento do proxecto, como son as compañías escolares de títeres, os grupos de recollida de memoria nos centros de ensino ou os recursos para a formación autónoma dispoñibles na web da asociación, que poden ser empregados tanto polo persoal dos centros de ensino como polos de terceira idade para desenvolver novas propostas neste campo coas súas persoas usuarias.
- Creación dun público con interese e coñecemento polos títeres tradicionais que demandará novas propostas neste campo, a facilitar a súa integración nas axendas culturais locais. No mesmo sentido, darase a coñecer a posibilidade deste ámbito a concellos e axentes culturais locais que poderán apostar por el para vindeiras actividades.
- Formación ao alumnado en linguaxes audiovisuais, facilitando o desenvolvemento de propostas creativas autónomas.
- Posta en valor da memoria da sociedade tradicional, formación e promoción de novos proxectos como exposicións de fotografías antigas, revistas orais ou recuperación de feiras e outras tradicións.