O Teatro das Cortes, no Vicedo, acolleu a presentación deste programa que quere achegar o patrimonio titiriteiro a espazos do rural

A Axencia Galega das Industrias Culturais apoia o programa coa liña de axudas para ampliar e diversificar a oferta cutural en áreas non urbanas, Territorio Cultura
O encontro serviu tamén para presentar o programa deste espazo cultural para a actual temporada
O Teatro das Cortes, na aldea de Cabanas (O Vicedo) acollía na mañá deste 19 de abril a presentación do programa Da Barraca á Aula: A memoria das festas. Isa Coldeira e Anxo García, da Asociación Cultural Morreu o Demo e mais Lucho Penabade, do Teatro das Cortes, daban a coñecer o programa e mais a proposta deste espazo cultural mariñao para os vindeiros meses.
Entre as primeiras propostas do programa atópase a xornada Onde foi Barriga Verde? que se celebrará no propio Teatro das Cortes este 25 de abril e que inclúe unha exposición, un obradoiro de creación de monicreques para persoas adultas, unha representación de Barriga Verde a cargo de Viravolta Títeres e mais un Sketch da Brigada Teatral das Cortes sobre o 25 abril portugués. Todas as actividades serán de balde. Para se inscribir no obradoiro cómpre se apuntar en voltaedalle@gmail.com
Da Barraca á Aula. A memoria das festas
A Asociación Cultural Morreu o Demo promove o programa Da Barraca á Aula. A memoria das festas co que quere achegar o patrimonio do títere tradicional galego a espazos rurais do noso país. Obradoiros de creación de monicreques e cabezudos, exposicións, videofórums ou representacións co mítico personaxe Barriga Verde fan parte desta iniciativa que se desenvolve ao longo deste ano co apoio da liña de axudas para ampliar e diversificar a oferta cutural en áreas non urbanas, Territorio Cultura da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia e con fondos do Ministerio de Cultura.
Co foco posto en dar a coñecer este patrimonio, Da Barraca á Aula: A memoria das festas achega a público escolar, terceira idade e colectivos culturais de localidades rurais do país unha oferta de actividades que aposta pola divulgación da arte dos títeres tradicionais e a recuperación da memoria das feiras e festas populares nas que se desenvolvían estes espectáculos.
O programa desenvólvese en centros de ensino e espazos socioculturais dos concellos de Pol, Meira e O Vicedo na provincia de Lugo, en Chandrexa de Queixa e Cea (Ourense), A Estrada, Lalín, Vila de Cruces (Pontevedra) e mais Valdoviño, Dumbría, Lousame e O Pino (A Coruña).
Deste xeito, centros de ensino de varios destes concellos acollerán obradoiros de creación e manipulación de títeres, ao igual que espazos socioculturais e centros orientados á terceira idade. Nestes casos, á construción e manexo dos monicreques sumaranse sesións de memoria para recuperar as lembranzas do público maior sobre este tipo de espectáculos e o seu contexto.
Videofórums co documental Morreu o Demo, acabouse a peseta permitirán relacionar o noso patrimonio titiriteiro co de toda Europa e promoverán debates sobre a situación do mesmo e as posibilidades da súa recuperación. Do mesmo xeito, exposicións didácticas como Onde foi Barriga Verde? ou A arte dos Silvent darán a coñecer a historia e o oficio das persoas que levaban estes espectáculos por todo o país.
O programa atende tamén a outra forma popular de teatro de obxectos como son os cabezudos. En colaboración con diferentes asociacións, traballaranse cursos de creación e manipulación destas figuras. Nos mesmos, abordarase tamén a recuperación de patrimonio inmaterial e personaxes populares locais mediante estas efixies e a súa incorporación ás festividades propias do lugar.
Non podía faltar neste programa as representacións. Barriga Verde e o títere de cachaporra galego voltará ás aldeas e vilas da man de compañías que están a recuperar o personaxe e a tradición popular dos monicreques. Viravolta, Alakrán, Trécola e Larraitz Producións Artísticas serán os grupos encargados de pór en escena o personaxe en diferentes funcións.

Programa do Teatro das Cortes
A sesión serviu tamén para presentar o programa do Teatro das Cortes para esta temporada. Despois das actividades do 25 de abril, este espazo cultural continuará as súas propostas o vindeiro 23 de maio coa celebración do Sábado das Letras. Un recital aberto e unha actuación de música tradicional acompañarán a Paula Carballeira, que presentará o seu libro sobre Begoña Caamaño, e desenvolverá unha actuación de narración oral.
Para os días 27 e 28 de xuño está prevista a segunda edición do Festival da Lingua Moza, que se desenvolve co apoio da Área de Cultura da Deputación de Lugo e que está organizado pola AC Volta e dalle e a Escola Semente para público familiar e xuvenil. Obradoiros de regueifa e banda deseñada, unha mesa redonda sobre lingua e infancia, os títeres de Babaluva con A filla do Cacharulo ou un roteiro teatral co grupo Son D’Aldea de Palas de Rei son algunhas das propostas desta iniciativa, que agarda contar tamén con concertos de Uxía Senlle, Punk on Keixo ou un encontro interxeracional de Regueifa.
Unha actuación do Mofa e Befa o 18 de xullo, ou un serán astronómico o 12 de agosto a coincidir co eclipse solar son algunhas da propostas que se desenvolverán nesta temporada na aldea de Cabanas.
